Thursday 09 de May de 2024

Galicia reclama ao Goberno do Estado maiores garantías e axilidade para proceder ao desaloxo de vivendas ocupadas


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasládalles aos representantes do Ministerio a necesidade urxente de garantir a seguridade xurídica do mercado inmobiliario e ve insuficiente o mecanismo do desafiuzamento exprés ante a aparición dos primeiros casos de ocupación na comunidade
A Xunta de Galicia acaba de esixir ao Goberno central que actúe con celeridade e eficacia para garantir axilidade nos desaloxos daquelas vivendas que están sendo ocupadas ilegalmente. Esta foi unha das principais reclamacións que levou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ante a Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo convocada polo Estado para analizar as medidas adoptadas neste eido con relación á covid-19.

Cómpre lembrar que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non citaba ás comunidades para participar nunha reunión sectorial desde marzo do ano 2018, a pesar de que a Xunta solicitara xa en varias ocasións durante os últimos meses a súa convocatoria.

Durante o encontro, a conselleira expuxo a crecente inquedanza que está a suscitar a ocupación de vivendas baleiras entre as comunidades autónomas e o sector inmobiliario, en particular. Por iso e a pesar de recoñecer que a chamada Lei de desafiuzamento exprés (aprobada hai dous anos para axilizar os desaloxos de okupas) supuxo un avance, Ángeles Vázquez defendeu que resulta “insuficiente” para responder á situación actual.

No caso concreto de Galicia e ante a recente aparición de casos puntuais en varios municipios, a Xunta ve necesario outorgar e garantir maior seguridade xurídica aos alugueiros co fin de evitar novas ocupacións e a conseguinte alarma social, así como unha progresiva desincentivación da saída ao mercado de vivenda en réxime alugueiro debido á incerteza que pode xerar esta situación entre algúns pequenos propietarios ou promotores.

Esta é unha preocupación, como lembrou a conselleira, que xa lle teñen trasladado á Xunta representantes dos intermediarios inmobiliarios que operan en Galicia, administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria. Por iso, esixiulle ao secretario xeral de Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas Parrón, e ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, -que dirixiron a reunión en lugar do ministro José Luis Ábalos- maiores garantías xurídicas para poder axilizar os desaloxos de vivendas ocupadas no conxunto do país.

Noutra orde de asuntos, a conselleira aproveitou a xuntanza para reiterar unha vez máis a necesidade de que o Estado autorice á Xunta a utilizar os remanentes de crédito do Plan estatal de vivenda correspondentes ás anualidades de 2018 e 2019, para poder destinalos a pagar axudas que no momento actual garantan o mantemento do seu fogar a un maior número de galegos.

Nesta liña, insistiu en que atender esta petición non suporía para o Ministerio facer ningún ingreso adicional, debido a que se trata de remanentes que xa están no Tesouro da comunidade. Así, explicou que estas contías foron ingresadas no seu momento polo Estado e quedaron nas contas da Administración autonómica porque non se abonaron aos beneficiarios de axudas que non xustificaron a totalidade ou parte da subvención concedida.

Dotación insuficiente e medidas da Xunta ante a covid-19
A día de hoxe, a conselleira sinalou que aínda non se recibiu a autorización expresa do Goberno para empregar ditos recursos públicos e que suman case 5 millóns de euros. “Estes fondos poderían destinarse a habilitar axudas ao alugueiro e implicarían que Galicia executou ao 100 por cen do orzamento consignado nas anualidades 2018 e 2019 do Plan estatal de vivenda”, remarcou durante a súa intervención ante a Conferencia Sectorial, na que tamén participou o director xeral de Vivenda e Solo do Ministerio, Francisco Javier Martín.

Asemade, Vázquez Mejuto indicou que se trata dunha cantidade que incrementaría a escasa financiación habilitada polo Estado para a convocatoria de axudas que minimicen o impacto da crise da covid-19. Recordou que a Galicia lle corresponderon 5,7 millóns de euros do fondo extraordinario do Goberno, que a Xunta completou ata chegar aos case 8 millóns de euros, dispoñendo fondos doutros remanentes. En todo caso, a dotación inicial desta liña de subvencións -que se convocou o pasado 22 de maio- será claramente insuficiente para atender a todos os posibles beneficiarios que cumpren na comunidade as condicións establecidas polo Estado.

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente informou durante a sectorial das medidas que a Xunta de Galicia estableceu, sen mediación do Goberno e por decisión propia, para axudar a aqueles colectivos máis vulnerables e aos que a crise sanitaria puido golpear con máis forza. Concretamente, explicou a súa decisión de asumir que o Bono de alugueiro social cubriría o 100% do importe da renda dos beneficiarios do programa entre os meses de abril e decembro, de xeito que se estima que unhas mil familias vulnerables non terán que abonar nada en concepto de alugueiro durante este período.